As Salinas do Ulló e Larache son o maior complexo salineiro que se conserva en Galicia. A súa orixe hai que buscala no século XVI, aínda que non será ata o século XVII cando Antonio Mosquera Villar y Pimentel obteña licenza para “labrar sal”. No ano 1694 foron traspasadas aos xesuítas de Pontevedra, que tamén construíron unha granxa na que traballaban como labradores, marlotos (operarios das salinas) e carreteiros de sal a veciñanza das parroquias de Vilaboa.
No século XVIII os xesuítas foron expulsados de España e as salinas caen no abandono, xa que o sal procedente de Portugal, Andalucía e Bretaña era suficiente para cubrir a demanda existente no Reino de Galicia. Nunca máis foron explotadas.
Xunto co fondo da Ría de Vigo, as salinas do Ulló e Larache están incluídas dentro da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais da Unión Europea. O obxectivo é asegurar a súa conservación en virtude do seu interese natural, cultural, científico, educativo e paisaxístico.