Os protagonistas no tempo

Os protagonistas

Personaxes clave na historia das Salinas.

Liña do tempo

Síntese dos principais momentos históricos vinculados ás salinas.


Os protagonistas

Manuela Pérez

Foi caseira das salinas no ano 1788. Era unha muller viúva e humilde que administraba a granxa vinculada ás salinas, pola que pagaba unha cuantiosa renda anual. Como a banca das salinas estaba deteriorada, o mar inundaba o terreo dedicado a pastos que utilizaba. En 1789 reducíronlle a renda 400 reais, pero aínda así decidiu abandonar a explotación da granxa salineira.

Os xesuítas

No ano 1694, os xesuítas de Pontevedra herdaron de Melchor de Mosquera os dereitos para “fabricar salinas” en Vilaboa. No Ulló melloraron as salinas existentes e construíron unha explotación agrogandeira coas súas cabalarizas, cortes, curral e pombal. Esta granxa contaba con residencia ou casa principal para o administrador e con casas terreñas para os caseiros.

Os marnotos

Os homes que traballaban na explotación do sal recibían o nome de marnotos, marnoteiros, marlotos ou salineiros. Os cargadores de pa completaban o proceso intermedio entre a salina e o depósito de sal ou alfolín. A persoa encargada de custodiar e administrar o alfolín ou almacén do sal era o alfolineiro.

Felipe Auguste Cazaux

Nos anos finais do século XIX, o enxeñeiro francés Felipe Auguste Cazaux, encargado das obras do ferrocarril ao seu paso por Redondela e Tui, faise coa propiedade do Ulló. A Cazaux atribúese unha das últimas consolidacións da banca do sur das salinas (coñecida popularmente como A Banca de Casó) así como a construción dun muíño de maré.


Liña temporal

Séculos XI-XIII

O sal é producido polos mosteiros establecidos na costa da península Ibérica e exportábase cara os Países Baixos ou o Báltico.

Séculos XIII-XIV

Os reis interésanse por controlar a súa produción e exportación.

1564

A sal convértese nun produto monopolizado pola Coroa de España e as salinas son declaradas patrimonio do Estado.

1566

Vinte alfolíns ou almacéns de sal custodiaban o sal no Reino de Galicia.

Século XVI

A maioría das salinas son particulares ou municipais, aínda que algunhas delas estaban en mans da Coroa.

1633

O fidalgo Antonio Mosquera Villar y Pimentel solicita licenza para “labrar sal” en réxime de monopolio no Reino de Galicia.

1655

Antonio Mosquera e a súa dona cederon en favor do colexio de xesuítas de Pontevedra “los dos sitios del Ulloó destinados para fábrica de salinas” escriturados en 1637.

1694

Melchor Mosquera, fillo de Antonio Mosquera, traspasa ao Colexio de Xesuítas de Pontevedra o dereito a construír salinas no Ulló.

1694-1709

Os xesuítas melloran as explotacións de San José del Ulloó (Gordenla e Freixeiro), La Cruz (Porto Muíños) e San Ignacio (Ulló de Abaixo ou de Larache).

1709

Os veciños de Vilaboa denuncian aos xesuítas por exceder os límites concedidos para a fábrica das salinas.

1710

Os veciños de Santo Adrián e Santa Cristina dos Cobres, así como os de Vilaboa reciben un salvoconduto polo que quedan exentos da obriga de traballar como oficiais, “marlotos y carreteros” nas salinas do Ulló.

1710-1712

Os xesuítas adquiren e trocan moitas das terras próximas á granxa das salinas coa finalidade de “hacer pieza todas juntas”.

1727

Unha sentenza obriga aos veciños de Vilaboa a “limpiar el camino real, zanjas y testeras de sus heredades” evitando así calquera desaugue nas salinas.

1736

A produción de sal no Ulló non excedía de duascentas fanegas de sal “quando otras vezes davan de 600 a 800 fanegas”.

1754

As salinas estaban “del todo distruídas por la demasiada fuerza de la mar y su mala situación”.

1767

O rei Carlos III expulsa do territorio da Coroa á Compañía de Xesús.

1783-1793

Liquídanse os bens dos xesuítas mediante poxas públicas, aínda que ninguén adquire a granxa do Ulló polo seu estado de abandono.

1789

Manuela Pérez, caseira do Ulló, abandona a granxa pola inutilidade dos pastos ante a inundación do terreo por causa da banca rota das salinas.

1809

A invasión francesa provoca un maior deterioro do edificio da Granxa das Salinas.

1880

O Marqués de Arana, José Nazario de Arana y Ageo, unifica os terreos das salinas coa intención de crear viñedos, milleirais, soutos e piñeirais.

1844

Entra en servizo a liña férrea que conecta Vigo con Pontevedra.

1877

A granxa mellora a súa accesibilidade polo camiño de Porta Muíños, dotado de mellores paramentos, gabias para desaugadoiros ou sumidoiros en pedra.

Finais do século XIX

O enxeñeiro francés Felipe Auguste Cazaux adquire un terreo dotado de vivenda á beira das salinas do Ulló e constrúe un muíño de mareas. Tamén consolida a banca sur, que desde entón é coñecida co nome da “Banca de Casó”.