Especies de fauna e flora

Non chega unha vida para coñecer todas as especies animais e vexetais que viven nun hábitat tan rico como son as Salinas do Ulló e Larache e o seu redor. Pero podemos facer fincapé nalgunhas que nos asombran, que destacan e que non poden pasar desapercibidas para calquera visitante do lugar ou veciño de Vilaboa. 

Pintafontes verde (Triturus marmoratus)
Bocho común (Fuscus vesiculosus)

Coñeces a leituga de mar?, como eran as vasoiras dos tempos de antes?, que antes da chegada pataca estaba a castaña?, que xunto as ortigas que pican temos o antídoto?, que existe un “azoutacristos” no bosque?. 

Neste espazo medran leitugas no mar (Ulva sp.). Pero non son as leitugas das hortas, senón unha alga mariña que se asemella ás de terra, e que tamén ten propiedades culinarias. Esta alga, que medra sobre as rochas ou directamente na area, incluso sobre outros seres vivos coma o mexillón (Mytilus galloprovincialis), poden chegar a conformar verdadeiras praderías ou “hortas” nas zonas pouco profundas e con moita luz do sol. 

Leituga de mar grande (Ulva gigantea)

Antes de que se inventasen as vasoiras de plástico e aluminio, nas casas xa tiñamos “escoba”. Una rama longa da xesta das vasoiras (Cytisus sp e Erica sp.) atada no remate para xuntar os seus talos de modo circular. Foi a ferramenta de limpeza dos chans das casas e tabernas da costa e do interior; e tamén o vehículo principal de transporte das bruxas e meigas. 

Xesta das vasoiras (Cytisus sp.) e vasoira

O castiñeiro (Castenea sativa) ten como froito as castañas. No magosto de novembro cada castaña é a ánima dun defunto que viña a festexar o día e a noite. Con indicios de que as castañas levan entre nós dende as últimas neves perpetuas, foron os romanos os que trouxeron variedades máis produtivas, xunto co viño, que se foron adaptando ao noso clima.

Castaño (Castenea sativa)
Castaño (Castenea sativa)

Foi alimento ata o século XIX, cando a pataca (Solanum tuberosum) e o millo (Zea mays) tomaron o primeiro posto na alimentación. Comíanse asadas, pero tamén cocidas, no caldo e incluso con leite. Os ourizos son bos combustibles e as castañas tamén alimentan o gando doméstico e a fauna salvaxe. 

Din que se te mantés sen respirar, as ortigas (Urtica dioica) non pican. Pero lamentablemente todos temos o recordo do proído que provoca esta planta que medra nas veigas e beiras de camiños. O que moita xente descoñece e que o seu antídoto soe medrar ao carón delas. Se trata da menta e dos mentrastes (Mentha suaveolens)Fregando unha folla sobre a picadura, esta alivia e a fai máis levadeira. Tamén resulta moi útil contras as carrachas (superfamilia Ixodoidea) xa que as espanta. Moitas veces a solución é veciña do problema. A sorte da biodiversidade. 

Ortiga (Urtica dioica)
Mentraste (Mentha sp.)

Ao pé dos castiñeiros (Castenea sativa), amieiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxilus sp.) medra un arbusto ben curioso. Confundido co acivro (Ilex aquifolium) por ter o froito vermello, a xirbardeira (Ruscus aculeatus) non acada as dimensións do seu curmán máis arbóreo, pero mantén unha beleza comparable. Aínda que vexas a outros animais comer os seus froitos, para nós son tóxicos e non debemos consumilos. Pero a planta é un antiinflamatorio eficaz e como ten consistencia e rixidez, ten feito competencia ás xestas das vasoiras (Cytisus sp e Erica sp.) na súa función de limpar o chan. As súas follas verdes non son follas verdadeiras, senón una transformación do talo, onde medran as verdadeiras follas claras e pequenas sobre as que logo asoma a flor e o froito redondo. Ten tantos nomes como usos, pero destacan no rico vocabulario nomes tan xeitosos como, rañacú, sil(v)barda, (x)silvareira ou azoutacristos. Recorda que só os pes femia dan o froito, igual que o seu curmán, o acivro (Ilex aquifolium).

Xilbardeira e froitos (Ruscus aculeatus)
Xilbardeira e froitos (Ruscus aculeatus)
Xilbardeira e froitos (Ruscus aculeatus)
Acivro e froitos (Ilex aquifolium)

Tapizan as rochas os mexillóns (Mytilus galloprovincialis), lapas (Patella sp.) e arneiróns (Chthamalus sp.). Os tres son invertebrados mariños que podemos atopar nas Salinas do Ulló e Larache. Animais máis que curiosos que son capaces de sobrevivir fóra da auga durante un tempo considerable e permanecer aferrados ás rochas soportando os golpes do mar nas zonas máis expostas. Os mexillóns (Mytilus galloprovincialis) son filtradores da auga da que se alimentan e tamén indicadores da saúde do mar. Ao non se mover do seu ancoraxe, son testemuñas do que acontece, desde a detección das mareas vermellas ata investigacións que revelan a acumulación de microplásticos nos océanos e mares. 

Mexillón (Mytilus galloprovincialis)
Lapa (Partella sp.)
Arneirón (Chthamalus sp.)

Fóra da auga os invertebrados terrestres son o número máis abundante de especies. Entre os insectos xa atopamos a maior diversidade. Tamén temos moluscos, como a lesma (Arion sp.) e o caracol (Cornu aspersum) e tamén anélidos, como as miñocas de terra (subclase Oligochaeta).

Lesma (Arion sp.)
Miñoca de terra (subclase Oligochaeta)

Non podemos obviar a presenza dun insecto exótico e invasor que está a causar problemas coas abellas (Apis mellifera) e abellóns (Vespa crabro). Se trata da avespa asiática (Vespa velutina), que se alimenta depredando durante o día sobre a avespas (Vespula vulgaris), abellas (Apis mellifera), formigas (familia Formicidae), bolboretas (orden Lepidoptera) e tamén de froitos e carne. Pola noite esta avesta agóchase nos niños redondos que fabrican nas copas das árbores pero tamén no mato, preto do chan. Nas salinas do Ulló e Larache podemos atopar a un depredador natural delas, o abelleiro europeo (Pernis apivorus), unha ave rapaz que chega no verán dende o continente africano para criar nas nosas terras.

Avespa asiática (Vespa velutina)

O noso abellón europeo autóctono (Vespa crabro) tamén está a padecer polo seu parecido coa avespa asiática (Vespa velutina), ao morrer polo nosas técnicas de control, aínda sendo inofensivo para nós. Debemos aprender a diferenciar as dúas especies.

Niño primario
Niño secundario
Niño de abellón europeo
Abellón europeo (Vespa crabro)

Cando ao camiñar preto dunha herba salgueira (Lonicera sp.) se levanta unha bolboreta de alas alaranxadas, pode que esteamos a presenciar o voo áxil e rápido da Señoriña dos Brañais (Euphydryas aurinia). Sabendo que delas se alimenta este insecto volador, cómpre mantela nas zonas do bosque de ribeira e matogueiras. 

Señoriña dos Brañais (Euphydryas aurinia)
Herba salgueira ou chuchamel (Lonicera sp.)

O grupo dos vertebrados, anfibios, réptiles, peixes, aves e mamíferos está ben representado nas Salinas do Ulló e Larache e na enseada de San Simón, xa que estes non comprenden de límites territoriais e teñen a grande capacidade do desprazamento, sexan por terra, auga ou aire.

Nas marismas que quedan sen auga quizais podemos pensar que os peixes teñen pouco protagonismo, e certo é que eles necesitan da auga, pero o muxo (Chelon labrosus, Mugil cephalus e outras especies) é un deses peixes fantásticos ao que lle prestamos pouca atención.

Cómpre dicir que chamamos muxo a varias especies diferentes que viven no noso litoral, pero diferencialos é tarefa máis complicada.

Muxos

Como as plantas das marismas, o muxo ten a capacidade de aturar a auga doce e pode subir polos ríos e regos do fondo da ría, chegando ata as portas dos encoros. Come o que atopa, e se ten fama de sucio é porque nós non coidamos o suficiente o que botamos ao mar. 

Non hai tanto tempo que sapos e ras eran moi útiles para saber de antemán se unha muller estaba preñada. Máis alá desta curiosidade, os anfibios son un grupo animal de moitísimo valor, capaces de vivir e sobrevivir tanto dentro como fóra da auga. Preto das salinas, onde se conforman as canles de auga no bosque de ribeira, se escoitan os sons repetitivas das ras e sapos, como a ra ibérica (Rana iberica), a ra de Santo Antón (Hyla molleri) ou o sapo corriqueiro (Epidalea calamita), mentres outros, coma as píntegas (Salamandra salamandra) e pintafontes (Lissotriton boscai, Lissotriton helveticus, Triturus marmoratus), son algo máis húmidos e discretos. 

Ra ibérica (Rana iberica)
Ra de Santo Antonio (Hyla molleri)
Píntega (Salamandra salamandra)
Sapo corriqueiro (Epidalea calamita)
Pintafontes (Lissotriton sp.)

Ata o fondo da ría chega nadando o arroaz (Tursiops truncatus), xunto as Illas Alvedosas e á beira do Salinas do Ulló e Larache. Este mamífero mariño amosa as súas costas na superficie da auga de forma solitaria ou en mandas. Cando se achegan demasiado as praias poden quedar varados. Nese caso, que debemos facer? Comunicar rapidamente o acontecemento, evitar que a xente se achegue, deixar máis de 10 metros e non facer ruído. Chamando ao 112 indicaranche o que facer ata que chegue a axuda técnica.

Arroaz (Tursiops truncatus)

Dende terra, en momentos concretos do día e das correntes, se achegan dous mamíferos de catro patas ata as salinas. Un deles é a lontra (Lutra lutra), que camiña polo intermareal como se fora a raíña do lugar buscado cangrexos, peixes e invertebrados que queden nas fochancas de auga cando se retira a marea, pero tamén aves que anden despistadas.

Lontra (Lutra lutra)
Lontra (Lutra lutra)
Raposo (Vulpes vulpes)

Tamén o fai o raposo (Vulpes vulpes). Aínda que máis terrestre, se pode achegar á marisma no crepúsculo e no nacente do día. Cando divisa unha presa quédase quedo mirando fixamente e logo lánzase dun chimpo para atrapar coas zoupas dianteiras sobre a súa futura comida. 

Se existe un grupo de animais verdadeiramente atraentes son as aves. A capacidade de voar as fai únicas. Moitos amantes destes animais as perseguen, no bo sentido, nos seus percorridos polas nosas rías nos momentos do ano que chegan para criar desde lugares tan afastados como o continente africano ou cando paran a descansar e seguir a súa viaxe cara terras máis ao norte ou ao sur. E as que nos acompañan todo o ano tamén son importantes. Entre elas as gaivotas (familia Laridae), corvos mariños (Phalacrocorax sp.) e patos (familia Anatidae). Un grupo extenso de especies que se alimenta e se reproduce no territorio das Salinas do Ulló e Larache, na ría e nos acantilados e illas máis oceánicas.  

Gaivota patiamarella (Larus michahellis)
Gaivota chorona (Larus ridibundus) e Pilros tridáctilos (Calidris alba)
Corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo)
Lavanco (Anas platyrhynchos)

As aves rapaces son depredadores superiores dunha cadea alimenticia. Algunhas delas teñen dietas moi estritas e especialistas. Estas especies, máis cá outras, notas os cambios que ocorren nos hábitats, xa que dependen moito deles.

A aguia peixeira (Pandion haliaetus) é unha desas aves rapaces especialistas. Cando chega dende países ecuatoriais de África dedica o seu tempo a críar polos nos cantís de roca da costa e a pescar. Como que pescar?. Pois si. De aí o seu nome. A súa dieta é 100% peixe que captura botándose dende as alturas contra os peixes que divisa durante os seus voos nas enseadas, estuarios e salinas como as de Vilaboa. 

Aguia peixeira (Pandion haliaetus)
Aguia peixeira (Pandion haliaetus) no momento da captura.