IDADE MODERNA
1564
estancamento do sal na Coroa de Castela
1566
en Galicia había vinte alfolíns que non chegaban para abasto de sal ao Reino
1574-1575
posible sinalamento no Ulló por peritos portugueses de cara a fábrica de salinas
1637
Os Marnotos
Os homes que traballaban na explotación do sal recibían o nome de marnotos, marnoteiros, marlotos ou salineiros. Os cargadores de pa completaban o proceso intermedio entre a salina e o depósito de sal ou alfolín. A persoa encargada de custodiar e administrar o alfolín ou almacén do sal era o alfolineiro.
1637
escritura de “los dos sitios del Ulloó destinados para fábrica de salinas”.
1655
a fundación do Colexio de Xesuítas de Pontevedra é amparada polo patrimonio familiar dos Mosquera e Pimentel.
1679
unha Real Cédula do tres de xullo licencia a Melchor Mosquera a “fabricar salinas”
1694, maio, 11
Don Melchor Mosquera traspasa ao Colexio de Xesuítas de Pontevedra o dereito para fabricar salinas.
No século XVII Antonio Mosquera Villar y Pimentel, Administrador General de la fábrica de salinas, solicitou licenza para “labrar sal” no Ulló e Larache. En 1637 e 1700, el e a súa dona adquiriron terras en Vilaboa “a orillas del mar, en los arenales y juncales que ban a su creciente”. O fillo do matrimonio, Melchor Mosquera, deu o paso de “fabricar salinas” en Vilaboa amparado por Real Cédula de 1679. Finalmente, acabou traspasando os seus dereitos sobre as salinas en 1694 en favor do Colexio de Xesuítas de Pontevedra.
1694, xuño, 14
O escribán José Rodríguez escritura en favor dos xesuítas os terreos do Ulló.
1694
O Colexio de Pontevedra comeza a configurar a futura granxa do Ulló coa súa casa, cortes, currais e terras de labor
1698, agosto, 10
Don Francisco de León y Luna, alcalde maior do Reino de Galicia, delimita os lugares do Ulló nos que poder fabricar as salinas
1706
os xesuítas de Pontevedra acatan unha orde, do 21 de decembro, sobre o trato do sal.
No ano 1694, os xesuítas de Pontevedra herdaron de Melchor de Mosquera os dereitos para “fabricar salinas” en Vilaboa. No Ulló melloraron as salinas existentes e construíron unha explotación agrogandeira coas súas cabalarizas, cortes, curral e pombal. Esta granxa contaba con residencia ou casa principal para o administrador e con casas terreñas para os caseiros.
1709, agosto, 30
Os veciños de Vilaboa quéixanse dos excesos da Compañía sobre os bens de aproveitamento comunal da parroquia
1710, febreiro
Os veciños de Vilaboa, Santo Adrián e Santa Cristina dos Cobres quedan exentos dos traballos nas salinas.
1710- 1712
A Compañía de Xesús adquire as terras confinantes coas salinas coa idea de “hazer pieza todas juntas”
1727-1728
Os xesuítas son acusados polos veciños de Vilaboa por continuar cercando terreos do común. O preito chega á Real Audiencia de Galicia
1736
A produción do sal é ínfima comparada coa extracción de comezos do século
1754, abril, 14
O Catastro do Marqués de la Ensenada apunta que dende había trinta anos non se producía sal no Ulló, sen embargo, recolle os últimos oficios vinculados coa explotación
1763
Chuvias cuantiosas contrarias á produción do sal
1767
Carlos III expulsa do Reino á Compañía de Xesús. Os bens son requisados e, posteriormente, sacados a poxa pública
1768, maio
Chuvias cuantiosas contrarias a produción do sal
1769, abril
Chuvias cuantiosas contrarias a produción do sal
1783
Inicio das poxas públicas coas propiedades do Ulló polas que ninguén mostra grande interese
1786
A banca do sur é arruinada por unha riada
Os barqueiros de Vilaboa, Ponte Sampaio e Arcade, serviron de apoio ao traballo nas salinas transportando o sal aos barcos fondeados na ría. O sal tamén se utilizaba para salgar e embarrilar unha parte das sardiñas que pescaban os mariñeiros, que era comercializada por todo o litoral peninsular. O valor do sal era irrisorio durante os séculos XVI e XVII, pero soportaba unha carga fiscal que o facía inaccesible para a maioría da poboación.
1786, decembro, 5-12
O temporal destes días dificulta o mantemento das bancas das salinas arruinadas.
1788, setembro
Manuela Pérez, caseira do Ulló, alza queixa sobre o estado do terreo anegado e inútil, sen produción algunha que permitise o pago da súa renda. Rexéitase o arrendamento.
1789, agosto, 25
As convocatorias falidas dun novo arrendamento obriga aos veciños de Vilaboa a facerse cargo “por forza” dos bens do Ulló
IDADE CONTEMPORÁNEA
1814, novembro, 22
O cóengo da catedral de Santiago, don Pedro Acuña Malvar (1755-1814) deixa en testamento o desexo de que os xesuítas recuperen, no caso de voltar a España, os bens do Ulló.
1841, novembro, 26
Dona Manuela Fernández Molina figura como propietaria dos bens do Ulló
Foi caseira das salinas no ano 1788. Era unha muller viúva e humilde que administraba a granxa vinculada ás salinas, pola que pagaba unha cuantiosa renda anual. Como a banca das salinas estaba deteriorada, o mar inundaba o terreo dedicado a pastos que utilizaba. En 1789 reducíronlle a renda 400 reais, pero aínda así decidiu abandonar a explotación da granxa salineira.
1856, xaneiro
O temporal causa danos no murallón
1856, febreiro
O canteiro Miguel Antonio Paz presuposta as obras de mellora na banca das Salinas.
1867, agosto, 26
O administrador da granxa, Prudencio Dios, tenta prohibir o aproveitamento do argazo nas inmediacións da Xunqueira.
As mulleres de Vilaboa, a semellanza das salineiras de Aveiro, xogaron un papel fundamental na produción e transporte do sal do Ulló e Larache. Elas ocuparíanse do transporte do sal en canastras e cestos ata o alfolín ou os barcos que chegaban a Vilaboa para transportar o “ouro branco” do fondo da ría de Vigo. Con certeza encargáronse de cociñar para manter os marnotos e o resto dos empregados das salinas.
1870, novembro, 12
O veciño de Pontevedra Prudencio Dios recibe o poder de administrar os bens e rendas de don José Nazario no seu nome.
1873
O Señor Arana redacta un Memorial co seu proxecto para reconverter os usos e aproveitamentos da Granxa.
José Nazario de Arana y Ageo, Marqués de Arana, foi titular da metade da granxa e das salinas durante a década de 1870. Residente en Zaragoza, durante este tempo pretendeu plantar viñedos e millo na granxa, así como castiñeiros, salgueiros e piñeirais. Tamén levou a cabo unha serie de obras na granxa. Adquiriu a totalidade das salinas do Ulló en 1880, comprándolle a súa parte aos veciños de Vilaboa.
1874
As obras sobre as edificacións da Granxa melloran a casa principal e as súas construcións adxectivas.
1877, setembro
O mestre de cantería Isidoro Núñez Gómez de Tenorio leva adiante a mellora do camiño de acceso á Granxa dende Porta Muíños
1877, outubro. 8
Fina dona Manuela Fernández Molina. Os xuncais divídense entre os seus herdeiros.
1880, setembro, 15
O Marqués de Arana reunifica todas as propiedades arredor da Granxa do Ulló
1887
Falece José Nazario Arana
1887, xaneiro, 24
O Diario de avisos de La Coruña recolle o proxecto de Cazaux de sanear as marismas do Ulló e instalar no lugar unha fábrica de salga e conservas
Nos anos finais do século XIX, o enxeñeiro francés Felipe Auguste Cazaux, encargado das obras do ferrocarril ao seu paso por Redondela e Tui, faise coa propiedade do Ulló. A Cazaux atribúese unha das últimas consolidacións da banca do sur das salinas (coñecida popularmente como A Banca de Casó) así como a construción dun muíño de maré.