As salinas e o sal

A toponimia do lugar: O ULLÓ e AS SALINAS

A toponimia é a ciencia que estuda a orixe, a historia e a significación dos nomes de lugar. Os lugares onde se extraía o sal aparecen na toponimia galega baixo a voz común salinas (As Salinas da Seca en Cambados ou As Salinas na Illa de Arousa) aínda que tamén coas variantes saíñas, sinas ou siñas (As Saíñas en Ribeira, Noia ou Baldaio ou As Siñas en Mougás (Oia). En Portugal reciben tamén o nome de Marinhas de Sal

Ulló é un hidrotopónimo. O seu nome, segundo os estudosos, está relacionado coa auga. A comarca luguesa da Ulloa, onde gurgulla por vez primeira o río Ulla, tomou o seu nome do diminutivo *Uliola procedente de Ulia. Xa que logo, Ulló podería proceder da voz OCULOLU, diminutivo de ollo, tamén escrito con dobre -o (Ulloó) en forma de arcaísmo gráfico presente na documentación á hora de referirse a lugar onde nace auga ou “xunto ao leito fluvial” (ui-on). Ulló non é termo aceptado polo vixente Dicionario da Real Academia Galega. Non obstante, os primeiros dicionarios da lingua de 1858, 1863 , 1873, 1900 ou 1926 recollían a acepción de ‘pantano’, ‘embarcadero’, ‘lugar cenagoso’, charco ou ‘islote, vado, zona pantanosa cercana a una isla’. Entendíana como variante de illó, unha voz que si é aceptada na actualidade para referirse a ‘lugar onde abrolla a auga nun terreo’ e, por extensión, para terreo moi húmido.

Imaxe das salinas do Ulló nas que se aprecia o seu carácter pantanoso

O sal na Coroa de Castela

Dende a Antigüidade o sal é destinado, principalmente, á conservación dos alimentos. Era tan importante á altura de 1564 que se converteu nun produto estancado, é dicir, nun ben monopolizado pola Coroa, que pasa a controlar a súa exportación. Dende tempos medievais o sal que se producía na península Ibérica embarcábase cara os Países Baixos ou o Báltico. No día a día, esta substancia cristalina curaba a carne pero tamén o peixe como a sardiña ademais de sazonar o pan cocido polas panadeiras nos fornos das vilas. Era produto circulante de primeiro interese na economía dende a Baixa Idade Media. 

Traballadores do sal nas Marinhas de Aveiro. M. Munné. 1935

O sal: entre leis e reis

Como lugaresfabricadospara a súa extracción, as salinas interesaron primeiro aos mosteiros (séculos IX-XIII) e, con posterioridade, atraeu o desexo dos reis (ss. XIII-XIV) por controlar un comercio con exportacións en crecemento seguindo un eixe norte-sur. A producción nas salinas meridionais da península, ao mesmo tempo, estaba en aumento, especialmente dende o último cuarto do século XIV. A Coroa de Castela comezou coa imposición de impostos sobre este ramo logo de que Navarra cargase o sal no século XI co portazgo (transporte) e alvara (produción). Dende o rei Alfonso VII (1105-1157) regúlanse os dereitos reais sobre as rendas do sal (1130). Alfonso VIII (1155-1214) puido arrendar as salinas para abastecer as arcas reais coas súas regalías desentendéndose, en parte, do seu goberno e coidado. Alfonso X O Sabio concedeu dereitos de aduana ao sal (1260) de cara a  favorecer a súa importación e o desenvolvemento da súa explotación. Á beira das salinas, Sancho IV (1258-1295) permitiu a creación de alfolíns ou almacéns de sal, non expostos á supervisión rexia e, por tanto, sometidos á variabilidade local de prezos. O Ordenamiento de Burgos (1338) regulou finalmente o comercio castelán-leonés, por exemplo, limitando os portos de descarga ás ribeiras de Viveiro, Ribadeo, Ortigueira ou Baiona. A pesar de que Alfonso XI foi quen declarou en 1386 as salinas como patrimonio da coroa, non foi ata Juan II en 1409 cando se ordena a creación de estancos oficiais. O contrabando fíxose común e, en tempos dos Reis Católicos, debúxanse en Castela os camiños polos que transportar sal de cara a evitar calquera desvío da norma (1498).

Afonso X o sabio retratado no Libro dos Xogos

Salinas e alfolíns: extracción e custodia do sal

No século XVI, a pesar de que algunhas salinas quedaron en mans da Coroa, a maioría seguiron sendo particulares ou municipais, propiedade de concellos, expostas a prezos variables no seu produto e con grandes intereses persoais detrás de cada un dos seus almacéns. Posuír porto e alfolín non significaba bo abasto para a localidade. Dende tempos de Felipe II (1556- 1598) o consumo do sal mingua ao igual que a súa produción ante o forte gravame ás exportacións. As salinas eran labradas só onde a Coroa o estimaba oportuno polo que a escaseza de sal obrigou mesmo ás panadeiras a tentar amasar con auga salgada. Vinte alfolíns custodiaban o sal no Reino de Galicia en 1566. Eran insuficientes ante a demanda da época polo foi necesario limitar as medidas de venda a un cuarto de fanega (real e cuartillo), media fanega (2 reais e medio) ou un octavo de fanega (vinte e un marabedís e media branca).

Debuxo dunha salina marítima incluída na Enciclopedia de D´Alambert e Diderot de 1772

Segredos de oficio

A persoa encargada de custodiar e administrar o alfolín ou almacén do sal era o alfolineiro. O oficio gardaba segredos sobre o manexo do sal depositado, que chegaba ao almacén en caixóns, pisado ou atestado, é dicir, compacto e espeso. No alfolín utilizaban pas para sacudilo ou espolvorealo de maneira que gañaban algún que outro ferrado ao revendelo. No Ulló, os xesuítas de Pontevedra acataron as ordes recaídas tamén sobre Sevilla o 21 de decembro de 1706 para que os vendedores tomasen “la sal medida fanega por fanega echando en ella la sal naturalmente con pala y sin violencia”. A maiores, os homes que traballaban na explotación do sal propiamente dita recibían o nome de marnotos, marnoteiros, marlotos ou salineiros. Os cargadores de pa completaban o proceso intermedio entre a salina e o depósito.

Traballadores do sal nas Marinhas de Aveiro. M. Munné. 1935

Unha salina ao fondo da ría de Vigo

É posible que o antecedente das salinas do século XVII se atope nun sinalamento feito sobre o lugar do Ulló a finais do século XVI por peritos portugueses. De terse feito, sería con posterioridade aos anos da fame de 1574-1575 e da crise no abasto do sal que fai que os prezos desta substancia cristalina chegasen a ser de ata sesenta reais a fanega na vila de Pontevedra. A carestía nos anos trinta do século XVII houbo de animar a Antonio Mosquera Villar y Pimentel a solicitar licenza para labrar sal aproveitando a súa posición como Administrador General de la fábrica de salinas. Tomou terras en Vilaboa “a orillas del mar, en los arenales y juncales que ban a su creciente”. Antonio Mosquera e a súa dona cederon algúns bens da súa facenda en 1655 como sostén económico da nova fundación dun colexio de xesuítas de Pontevedra. Entre eles figuraban “los dos sitios del Ulloó destinados para fábrica de salinas” escriturados en 1637 e 1700. Melchor Mosquera, fillo do matrimonio, deu o paso en “fabricar salinas” en Vilaboa amparado por Real Cédula de 1679. Finalmente, acaba traspasando os seus dereitos en 1694 en favor do Colexio de Xesuítas.

Vista aérea das salinas do Ulló

A Granxa dos Xesuítas no Ulló

Os xesuítas acabaron construíndo, a legua e media da vila de Pontevedra, unha explotación agrogandeira coas súas cabalarizas, cortes, curral ou pombal. A Granxa contaba con residencia ou casa principal para o administrador e con casas terreñas para os caseiros encargados de “labrar el monte y tierras que en dicho paraje tiene este Colegio”. A súa beira melloraron as salinas beneficiados cunha Real orde de 1699 que obrigou a “los que tuviesen terrones, tepe y demás materiales” a dalos en prezo moderado so pena de cincocentos ducados. Os pedáneos de Vilaboa, Santo Adrián e Santa Cristina dos Cobres recibiron da xustiza de Pontevedra en 1710 un salvoconduto para que os seus veciños quedasen exentos non só como “marlotos y carreteros” senón como oficiais “que asisten a la fábrica de las salinas”.

Detalle da lareira da Granxa das Salinas
Unha das construcións da Granxa das Salinas

Entre 1694 e 1709 os xesuítas deberon investir na mellora da explotación que dividiron e bautizaron como de San José del Ulloó (Gordenla e Freixeiro), La Cruz (Porto Muíños) e San Ignacio (Ulló de Abaixo ou de Larache). Esta última, tamén coñecida como Salina Vella, é posible que fose a salina orixinal fundada no século XVII polos Mosquera Pimentel. En 1709 os xesuítas excedían xa, ao parecer dos veciños, os límites concedidos para a fábrica das salinas. Entre 1710 e 1712 adquiriron e trocaron moitas das terras próximas coa finalidade de “hacer pieza todas juntas”. En 1726 a presión sobre o espazo de aproveitamento común do contorno do Ulló remata nun preito entre os xesuítas e os veciños de Vilaboa obrigados por unha sentenza de 1727 a “limpiar el camino real, zanjas y testeras de sus heredades” evitando así calquera desaugue nas salinas.

O Ulló no Catastro do Marqués de la Ensenada 

A mediados do século XVIII o estado das salinas era “del todo distruídas”. Descoñecemos o valor e a produción de sal en termos xerais. Con todo, os beneficios que reportaban ao colexio de xesuítas eran moi baixos a xulgar polas súas queixas. En 1736 a produción non excedía de duascentas fanegas de sal “quando otras vezes davan de 600 a 800 fanegas”. Os terreos comezaron a arrendarse entre os veciños, tanto para o aproveitamento do xunco como para o pasto. A produción do sal do Ulló decaeu ao mesmo tempo que a bonanza chegaba ás salinas andaluzas e do levante español coincidindo cunha nova organización da renda do sal ou de tentativas por mellorar a súa produción. Con motivo da realización do catastro do Marqués de la Ensenada (1749-1754), en procura de reestruturar a Facenda Pública da Coroa de Castela, o Interrogatorio General de Vilaboa, San Adrián e Santa Cristina dos Cobres (1754) testemuña o funcionamento da última das salinas “a la orilla de la ría de Redondela que vaña aquel sitio”. Non producían sal dende había, a lo menos, trinta anos “por la demasiada fuerza de la mar y su mala situación”. 

Detalle de Vilaboa e as súas salinas nun mapa da Ría de Vigo de 1752

Algúns labradores das parroquias próximas empregáronse nas salinas como “medidores de pala cargada”. É o caso de Ángel de Novas, Francisco Carrera ou Gerónimo Conde, naturais de Vilaboa. Cobraban cento cincuenta reais ao ano. De Santa Cristina procedían Pedro Garrido e Manuel Filgueira, ambos con soldos menores, entre os cincuenta e os cen reais. Como marlotos ou fabricantes de sal empregábanse tamén Francisco Pérez, Joseph Conde, Antonio Conde, Antonio del Río, Silvestre de Acuña, Miguel de Acuña ou Antonio Rodríguez dos Cobres que percibían un soldo de tres reais e dez marabedís ao ano segundo o sal fabricado por quinquenio. 

O Ulló ante a exclaustración

En 1767 o rei Carlos III promulga unha pragmática sanción que expulsaría do territorio da Coroa á Compañía de Xesús logo de ser acusada de participar ou instigar o Motín de Esquilache. Os seus bens foron requisados e pasaron a formar parte da Real Facenda.

No momento da exclaustración, os bens de Vilaboa estaban arrendados nas mans de Francisco Pérez e da súa muller Jacinta do Río. O proceso de liquidación dos bens, en mans da Junta de Temporalidades, comezou en 1783 coa celebración de poxas públicas que quedaban desertas para a granxa de Ulló dado o seu estado de abandono, a baixa produtividade das súas terras e a pretensión dos veciños de Vilaboa por recuperar unhas terras que consideraban do común como baldíosda súa parroquia. 

Por aquel entón, o valor de venda dos bens de San Martiño de Vilaboa ascendía aos 10.000 reais, mentres que o valor da súa renda era de apenas 72 reais. O alfolín que “servía para introducir la sal que se hacía en las salinas que están inmediatas quando tenían uso” estaba “arruinado enteramente por estar contiguo al mar”. As Salinas Vellas de Larache, para entón, presentaban un terreo “predominado de la mar que le vaña diariamente”. Entre 1783 e 1793 ninguén se quixo facer coa propiedade por moito bando que se pregoase en Pontevedra, Tui, Vigo ou Vilaboa. 

Carlos III era rei da Coroa de España e do Reino de Galicia en 1767, cando decretou a expulsión dos xesuítas. Óleo sobre lenzo pintado por Mariano Salvador Mella en 1783

A ruína do Ulló na segunda metade do século XVIII

En Galicia o clima xogou en contra da explotación salineira. As cuantiosas chuvias de 1763, 1768 ou 1769 provocaron que as enchentes acabasen coa banca do sur, arruinada en 1786 a pesar do seu groso muro de pedra e paramento, a xeito de tepe ou terróns apisoados, que lle servía de contraforte ou malecón en forma de noiro.  O caseiro da granxa, Francisco del Río, deu conta ás autoridades como “en el día cinco del presente mes que corre [decembro] amaneció la banca de las salinas arruinada y destruída la más de ella en parte con boquetes que caben dos o tres carros a par”. As “fuertes tempestades de vientos y aguas” experimentadas entre o cinco e o doce de decembro de 1786 converteron o mantemento das salinas en “obra costosa”. Así o declarou o canteiro Pedro Candendo, natural de Santa María de Mourente (Pontevedra), ao inspeccionar como coas subidas da marea a inundación do complexo era total.

Auto perante a Real Xunta Municipal de Temporalidades sobre a destrución da banca das salinas do Ulló a causa das tempestades. 1786-1788

Unha caseira en pé de guerra: Manuela Pérez

En setembro de 1788, Manuela Pérez, viúva de Francisco do Río, caseiro do Ulló, queixábase da inutilidade dos pastos ante a inundación do terreo por causa da banca rota. Sen produción algunha, viña pagando por aquel baldío de pasto, cada ano, cincuenta e cinco ferrados de millo e vinte e dous e medio de cento. A eles sumábanse seiscentos reais en diñeiro. “Muger pobre y castigada de familia” rexeita a renovación do arrendamento a non ser que lle reducisen os pagos debidos. Estaba disposta “a dejar los bienes y se marchaba por el mundo aunque fuese pidiendo una limosna”. Cando en 1789 Manuela abandona O Ulló, a pesar de reducírenlle na renda catrocentos reais, ninguén se quixo facer cargo da granxa. A ruína estaba asegurada. Os veciños de Vilaboa, sendo pedáneo Domingo de Novas, comezarían a traballar as terras.

Plano da Ría de Vigo e as illas de Baiona. Ano 1788

O desamparo das Salinas: o longo século XIX

En 1814 o mestre escola, cóengo da catedral de Santiago e prior de Santa María de Sar, don Pedro de Acuña Malvar (1755-1814), natural de San Martiño de Salcedo, deixaba en testamento o seu desexo de que “si bolbiesen a estos dominios los jesuítas se les restituirá toda la posesión que tiene S.E. en el Ulló de Villaboa”. O vello esplendor reduciuse a salinas asolagadas por completo, a cortes derrubadas ou a edificacións, como a casa, “deteriorada de bentanas y cristales desde los franceses”. Os xesuítas puideron retornar en 1815 pero non o fixeron. As forzas políticas do Trienio Liberal (1820-1823) volverían expulsalos de España. 

Expediente de medición, tasación e deslinde da Quinta das Salinas, cando eran propiedade do marqués de Arana

Entre 1842 e 1880 O Ulló foi propiedade de dona María Fernández Molina, viúva do catalán D. José Villoch. Á súa morte divídese en dúas partes, unha adquirida en oito mil reais por veciños de Vilaboa e outra en mans de don José Nazario de Arana y Ageo de Zaragoza, Marqués de Arana. Ambas partes son unificadas por este último en setembro de 1880.  O marqués foi o propietario ata a súa morte en 1887. Con todo, a Granxa era coidada por caseiros e administradores que residían no Ulló durante todo o ano. Aproveitando as súas ausencias, os veciños de Vilaboa accedían á propiedade para aproveitar o argazo “que deja el mar en sus crecidas”. Sobre o muro da banca tendían as algas a secar ao “rocio de las salinas” antes de proceder ao seu transporte en carros cara as leiras onde servían de esterco.

Unha segunda idade de ouro a finais do século XIX

Ao longo da década de 1870 o Marqués de Arana, propietario do Ulló, pretendeu converter as terras da granxa en viñedos e os seus montes en soutos ou piñeirais. A xunqueira abandonaría o xunco polo salgueiro “cuyas plantas además de producir buenas maderas para los viñedos de parra absorben la humedad del terreno”. Pretendía sementar millo. As reformas chegaron tamén á casa e as súas construcións anexas. Na reforma da cheminea, por exemplo, desoíronse as indicacións que o Marqués de Arana dera por escrito en 1874:

“respecto a la reparación de la chimenea en la casa principal apoyándola sobre otra columna, estoy conforme en que pueda desacerse toda la parte de mediodía desde el mismo tejado hasta los cimientos excepto lo que coge la caja de la misma chimenea y convendrá que la columna que se ponga en el ángulo donde hoy está la pared que sea parecida a la que existe en el otro, a no ser que el peso exija mayor grueso” 

O primeiro de maio 1874 o canteiro de Vilaboa Isidoro Núñez comprometíase, nun prazo de corenta días, á execución da obra taxada en cinco mil catrocentos noventa e cinco reais. 

Detalle do fondo da Ría de Vigo nun plano do ano 1800

Sabías que…?

A bodega da granxa, nas obras de 1874, foi adaptada para a instalación dunha prensa de uva industrial, de ferro fundido, chegada dende a fábrica de Pamplona de Pinaqui y Sarvy. O Marqués de Arana argumentaba, nunha das súas moitas cartas que, aos poucos, quedarían “abolidos los lagares” (Zaragoza, 1874). As novidades chegaron mesmo á propia intervención, empregándose por primeira vez “un aparato para barrenar piedra, publicado en Francia por Mr. Laferrier que abrevia y facilita el trabajo”.

Os camiños da Granxa

Dende 1877 a granxa mellora tamén a súa accesibilidade polo camiño de Porta Muíños, dotado de mellores paramentos, gabias para desaugadoiros ou sumidoiros en pedra ao longo do seu trazado. As carruaxes chegarían, segundo o perito pontevedrés don Francisco García Castro, a “una de las mejores zonas que constituyen el valle de dicho término”. O Ulló abríase ao Atlántico abrigado dos ventos do oeste e do noroeste, a dous quilómetros das estacións do ferrocarril de Figueirido e a uns douscentos metros da vía férrea que, dende 1884, conectaba Vigo con Pontevedra.

De granxa de burgueses a proxecto de enxeñeiro

Nos anos finais do século XIX, o enxeñeiro francés Felipe Auguste Cazaux, encargado das obras do ferrocarril ao seu paso por Redondela (viaduto de Madrid, 1876) ou sobre o río Miño en Tui (Ponte Internacional, 1885), faise coa propiedade do Ulló.  Eran máis de catrocentos setenta ferrados de terra arredor dunha casa con oratorio privado na honra da Virxe, cociña e bodega aberta a unha eira exterior arredor da que se organizaban os cubertos, o galiñeiro, as cortes, dous hórreos de cantería (de dez tornarratos), o pombal ou a “cochera dos señores”.

Un dos viadutos de Redondela nos que traballou o enxeñeiro Felipe Auguste Cazaux

Á iniciativa de Cazaux atribúese unha das últimas consolidacións da banca do sur (coñecida popularmente como A Banca de Casó) así como a construción dun muíño de maré que se destinou á moenda de cereal e a xerar electricidade. Precisou dun muro duns 375 metros de longo, entre os dous e dous metros e medio de ancho, cunha altura media de 2,5 metros. Catro comportas encargábanse do control da auga que era necesario estancar para o seu correcto funcionamento. Un aliviadoiro, no seu estribo dereito, evitaba os excesos. No ensanche do muro, que chega aos dez metros, unhas escaleiras permitían baixar á presa antes de interromperse por medio de dúas aberturas separadas por tallamar. Descoñecemos documentalmente se, en realidade, o proxecto do muíño chegou a termo, aínda que del si quedaron as moas xunto a banca da salina.

Lugar de paso ao fondo da ría de Vigo 

A finais do Antigo Réxime O Ulló deixou de ser paisaxe de sal. Conservou a categoría de lugar de tránsito e de pasaxe, como outras poboacións galegas situadas no fondo das rías. A súa situación estratéxica permitiu que embarcacións menores, dende un pequeno embarcadoiro, servisen de “pasage y transporte de las personas que transitan a la villa de Vigo, Redondela y otros parages de aquella ría”. Desde mediados do século XIX, o concello de Vilaboa emprega como armas municipais “las barreras con tranquilla del extinguido portazgo del Ulló” recollidas tanto no selo municipal (1839) como no de Instrución Pública (1854). 

O actual escudo heráldico, aprobado en 1996, organízase arredor dun único cuartel de azur con dúas torres de prata e na punta ondas de azur e prata; bordura de gules cunha cadea de ouro e, ao timbre, coroa real pechada.

Detalle da Banca de Casó nas Salinas do Ulló